3

A variolización

Con anterioridade ao descubrimento da vacina, existía unha técnica denominada inoculación ou variolización, que consistía en lle inocular a unha persoa sa a linfa dunha pústula dun enfermo de varíola de curso leve ou benigna. A enfermidade así contraída adoitaba ser máis leve que a varíola adquirida de forma espontánea e, ademais, a persoa enferma obtiña inmunidade fronte a posibles epidemias. Existían dúas técnicas de aplicación. A que se desenvolveu na China, que consistía en introducir na cavidade nasal bostelas pulverizadas de variolosos, e a variolización cutánea, que foi a que se implantou en Europa e que consistía en provocar incisións con agullas ou lancetas na pel. A mortalidade que provocaba esta técnica estimábase entre o 1 % e o 2%.

Os coñecementos da variolización chegan a Europa a comezos do século XVIII. A verdadeira difusora da técnica en Occidente foi a coñecida poetisa lady Mary Wortley Montangu, dona do embaixador inglés en Constantinopla. Podemos contemplar un gravado do século XIX no expositor. Montagu, coñecedora da técnica de inoculación que se practicaba na Tesalia, fixo inocular o seu fillo de tres anos. De regreso a Inglaterra en 1721, para difundir a técnica, inocula a súa filla de catro anos na presenza dos médicos da Corte. A princesa de Gales, amiga de lady Montagu, medorenta de que as súas fillas puidesen contraer a enfermidade, desexaba que se lles practicase o novo remedio. Os príncipes de Gales, despois de que se realizasen varias probas en nenos expósitos e presos, autorizaron a inoculación das súas dúas fillas de 9 e 11 anos en abril de 1722.

Os ilustrados en toda Europa adoptaron unha posición favorable a esta técnica.

A raíña María Teresa de Habsburgo, en 1767, mandou emitir unha moeda de prata conmemorativa tras superar a enfermidade. Podemos contemplar a pequena moeda a través da lupa do expositor. A emperatriz Catarina a Grande de Rusia foi outra fervente defensora, o mesmo que o filósofo Voltaire, ou en España o frade beneditino frei Benito Feijoo, un dos ilustrados máis relevantes de España, do que podemos ver un gravado sobre a vitrina.

O introdutor e difusor da técnica en España foi un médico irlandés, Timoteo O´Scanlan, destinado no Hospital Naval de Ferrol, que realizou en Galicia en 1771 unha das primeiras inoculacións documentadas en España. No expositor, móstrase un libro de O´Scanlan coa relación das persoas que ía variolizando e a súa evolución.

O debate entre os defensores e os detractores desta técnica estendeuse na Europa do século XVIII.

En Londres, en Sant Pancras, edificouse en 1745 o que se considera que é o primeiro hospital monográfico para tratar a varíola que se levanta en Europa. Podemos ver a fachada orixinal no gravado de 1800.

Díptico do Museo