11

A “vacina animal” ou de tenreira.
Pérez Costales e o médico Rodríguez

Unha vez demostrado que coa vacina “brazo a brazo” se transmitía a sífilis e outras enfermidades, en 1864, no Congreso de Medicina de Lyon, adóptase a “vacina animal”, que se difunde por toda Europa e América. Os médicos franceses Chambon e Lannoix aprenden a técnica do médico de Nápoles, Negri, e fundan o Instituto de Vacina Animal en París. Esta institución serviu de modelo para outros institutos que se foron abrindo por toda Europa. En Madrid, fundouse en 1871 o Instituto Nacional de Vacinación; posteriormente, recibiu outros nomes —Instituto de Vacinación e Seroterapia Alfonso XIII e Instituto Nacional de Sanidade— e, na actualidade, chámase Instituto de Saúde Carlos III. En abril de 1882, na cidade da Coruña, o médico Ramón Pérez Costales instala na Escola de Párvulos, fundada por el na rúa Teresa Herrera, o Instituto de Vacinación con Linfa de Vaca. En xuño de 1882, José Rodríguez Martínez, coñecido popularmente como o médico Rodríguez, inaugura o Centro Jenner, na rúa Orzán, 71.

Nun gravado de 1870, podemos contemplar como o doutor Lanoix administra a vacina nunha habitación do seu domicilio, onde se pode ver, ao fondo, a figura dunha tenreira, que foi a orixe da vacina. A revista ilustrada francesa Petit Journal publicou numerosas ilustracións sobre a aplicación da vacina, como a dos recrutas de 1903, ou a vacinación gratuíta en 1905. Outras ilustracións móstrannos a vacinación directa da tenreira na Sociedade Barcelonesa en 1872, ou en Madrid en 1890 no Instituto do Estado. Abríronse por toda España numerosos institutos privados, como o Instituto Modelo de Vacinación do Dr. Macaya en Barcelona en 1878 ou o Instituto de Vacinación e Seroterapia do Dr. Selma en Zaragoza.

Díptico do Museo