6

A súa difusión en Europa e América

Ao comezo do século XIX, estaba a desenvolverse a guerra anglo-española (1796-1802), co apoio de Francia. Esta situación bélica non impediu que as primeiras noticias do descubrimento da vacina se difundisen primeiro en Viena, Xenebra, Milán, París e, posteriormente, en todos os países de Europa. Rapidamente, tradúcese a obra de Jenner a diferentes idiomas e os médicos difunden a nova vacina. Os pioneiros na súa aplicación foron Jean de Carro, Louis Odier, Luigi Sacco, François Colon…

En Inglaterra, comezan a publicarse os primeiros estudos sobre a vacina. Na vitrina, podemos contemplar que un dos máis importantes foi o do médico e químico Charles Rochemont Aikin, “A concise view..cow-pox..”, editado en 1801, ou o Treatise on the cow-pox.. de John Ring, obra publicada en dous volumes entre 1801-1803.

En Francia, o Comité Central de Vacinas, fundado en París en 1800, recomenda a adopción xeral da vacinación, detalla as experiencias de Jenner, distingue entre os síntomas da verdadeira e falsa vacina, achega instrucións que describen os métodos de administración da vacina, etc. Podemos contemplar o Rapport du Comite´ central de vaccine: e´tabli a´ Paris par la Socie´te´ des souscripteurs pour l'examen de cette de´couverte, publicado en 1803. Os médicos François Colon e Louis Odier foron os principais difusores da vacina en Francia.

En 1814, o municipio de París ordena gravar unha medalla de prata para os médicos que participaron activamente nas campañas de vacinación. A medalla mostra unha vaca cunha lanceta e unha agulla, instrumentos utilizados nestes momentos para aplicar a vacina.

Un dos mellores tratados da vacina editados en Europa foi publicado en Milán en 1809 por un entusiasta defensor dela, Luigi Sacco. Trátase dunha coidada edición cuns extraordinarios gravados coloreados á man. No ano 1801, Sacco foi nomeado director de Vacinación da República Cisalpina e Turín, que contou desde 1803 cun Comité de Vacinación. En 1802, dedícanlle unha medalla na que Hixía, a alegoría da hixiene, acompaña un neno a coroar o busto de Luigi Sacco.

En Nápoles, en 1810, fúndase unha revista especializada na vacina co nome de Giornale di vaccinazione, que supón o inicio das revistas especializadas nunha única disciplina.

Díptico do Museo