7-8

A Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1813)

A familia real atopábase moi sensibilizada polos estragos da varíola, por unha banda, porque lle falecera unha filla de tres anos e un irmán, o infante Gabriel, e por outra, polas noticias das epidemias da varíola en ultramar. Por iso, sabedora de que existía unha posible cura para esta enfermidade, Carlos IV ordenou que se puxese en marcha unha expedición sanitaria para levar o remedio aos territorios de ultramar en América e Filipinas. Os promotores da expedición foron o Consello de Indias e a Xunta de Cirurxiáns de Cámara, co apoio do Real Protomedicato en América. A expedición partiu da Coruña o 30 de novembro de 1803, na corveta María Pita, e de alí pasou a Santa Cruz de Tenerife, Porto Rico e Venezuela. Estaba formada por Francisco Xavier Balmis (director), José Salvany (subdirector), os axudantes Antonio Gutiérrez Robredo e Manuel Julián Grajales, os practicantes Rafael Lozano e Francisco Pastor, os enfermeiros Basilio Bolaños, Pedro Ortega e Antonio Pastor e a reitora da Casa de Expósitos da Coruña, que viaxou en calidade de enfermeira, Isabel Zendal. Ían acompañados de 21 nenos para trasladar a vacina “brazo a brazo”. En Caracas, a expedición subdividiuse en dous grupos, o encabezado por Balmis, que puxo rumbo á Habana e a México e, desde alí, con 26 nenos vaciníferos mexicanos, pasaron ás Illas Filipinas, Macao e Cantón. Durante a súa estancia en Cantón, Balmis recompila máis de 300 debuxos de plantas e varios caixóns delas coa idea de sementalas no Real Xardín Botánico de Madrid, onde quedaron depositados os debuxos. Balmis regresa a España en 1806 tras pasar pola illa de Santa Elena. O grupo dirixido por Salvany puxo vacinas en América do Sur (virreinatos de Nova Granada, de Perú e Río da Prata). Entre 1810 e 1813, Balmis regresou a México para comprobar os progresos da vacina. A Real Expedición Filantrópica da Vacina foi a primeira campaña de vacinación internacional na historia da saúde pública, e o seu logro máis destacado foi a creación das Xuntas de Vacina para establecer un seguimento das incidencias da vacina, da súa calidade e tamén da súa continuidade.

Na vitrina, destacamos o suplemento da Gaceta de Madrid do 14 de outubro de 1806, editado en Inglaterra, que permitiu difundir a Real Expedición por todas as cortes europeas e perpetuar o coñecemento desta singular expedición durante o século XIX en Europa. A litografía de Francisco Pérez, realizada en 1846, que representa a expedición partindo dun porto de América, é unha das súas imaxes máis coñecidas. O Tratado histórico y práctico de la vacuna, de Moreau de la Sarthe, traducido por Xavier Balmis ao español en 1803, alcanzou unha ampla difusión por toda España e América Latina. Tamén podemos contemplar un libro que recompila os debuxos traídos por Balmis de Cantón, depositados no Real Xardín Botánico de Madrid.

Unha parte esencial da Real Expedición, en todos os seus amplos percorridos, foron os nenos expósitos que transportaron a vacina nos seus brazos. Ilustramos a súa importancia cun gravado de Hogarth do Hospital Foundling, o Hospital dos Orfos de Londres, fundado en 1739.

Díptico do Museo