A exposición que imos iniciar é un percorrido pola historia da enfermidade da varíola, desde a técnica preventiva da variolización, o descubrimento da vacina, a Real Expedición Filantrópica da Vacina, ata a súa erradicación no mundo en 1980. Todo este percorrido realizarémolo contemplando documentos, libros, xornais, moedas, instrumentos de vacinación e outros obxectos.
A varíola humana pertence a unha ampla familia de virus denominada pox. Na vitrina, podemos observar unha maqueta do virus.
Tradicionalmente, considérase unha enfermidade presente desde épocas moi antigas, pero non se dispón de datos fiables sobre o momento da súa aparición, xa que case ata o século XVI dificilmente se distinguían as enfermidades eruptivas unhas das outras. Adoitaba haber confusión entre a escarlatina, o sarampelo e a varicela ou varíola tola. O termo “varíola”, do latín varius ou varus, utilízao por primeira vez Marius, bispo de Avenches (Suíza), no século VI, para denominar unha enfermidade eruptiva, pero non se ten a certeza que que se tratase da varíola.
Algúns autores sinalan a súa aparición en Exipto, na China, na India e en Grecia, a medida que os asentamentos humanos foron alcanzando densidades suficientes para que o virus se transmitise.
Non se sabe con certeza o momento en que penetra en Europa, probablemente procedente da costa norte de África. A coñecida como peste antonina (anos 165 a 180 d. C.) é compatible cunha peste de varíola, pero non hai evidencias. Para mostrar as epidemias no mundo romano, expóñense tres denarios do Imperio Romano do século II despois de Cristo, en que se supón que puideron declararse epidemias de varíola. A súa expansión polo continente europeo prodúcese coa invasión árabe e os movementos das cruzadas dos séculos XII e XIII.
Debémoslle a Rhazes (860-932), médico dun hospital de Bagdad, o primeiro tratado que se escribiu sobre a varíola e o sarampelo. Os seus escritos estiveron vixentes ata o século XVIII en Europa.
Durante a Idade Moderna, e sobre todo coa chegada dos europeos ao continente americano, confíreselle á varíola unha nova dimensión debido á súa difusión, que abarca case todo o mundo, e á elevada taxa de mortalidade que ocasionou. Os europeos introdúcena no continente americano, que ata o momento permanecera totalmente illado, xunto coa gripe, o sarampelo e outras enfermidades.
O aumento da poboación en Europa entre os séculos XVII e XVIII fai que a enfermidade se incremente en intensidade e frecuencia e que, en moitas ocasións, alcance carácter de epidemia. No século XVIII, falecían ao redor de 400.000 persoas anualmente e un terzo dos afectados quedaron cegos.
Na vitrina, podemos contemplar varios libros e obxectos que nos mostran ilustracións da varíola durante estes últimos séculos: unha reprodución dun manuscrito xaponés de 1720; unha cera coloreada do século XIX, utilizadas polos profesionais para o estudo das pústulas da varíola; o libro de John Fisher publicado en Boston en 1834, onde podemos apreciar os primeiros gravados obtidos de enfermos reais, ou o primeiro atlas de fotografías publicado polo dermatólogo Henry Fox en Filadelfia no ano 1903. Por último, tamén podemos observar a representación dunha muller enferma de varíola en terracota procedente de Mali.