En 1958, o profesor Víktor Mijáilovich Zhdánov, viceministro de saúde da URSS, propuxo na XII Asemblea Mundial da Saúde emprender unha iniciativa mundial para erradicar a varíola. A proposta foi aceptada en 1959 e a Organización Mundial da Saúde aprobou o Plan para erradicar a varíola no mundo. Na vitrina, podemos ver o memorando elaborado polo Goberno inglés para a erradicación da varíola, así como o elaborado pola OMS para a India. O camiño cara á erradicación facilitouse grazas á vacina liofilizada con maior termoestabilidade, descuberta por Leslie H. Collier (Instituto Lister de Londres); ao uso da agulla bifurcada e á pistola de vacina de inxección de chorro hipodérmico, que facilitaba o procedemento de aplicación, así como aos avances na implementación da cadea do frío das vacinas. Na vitrina, obsérvase a pistola de inxección que permitía vacinar entre 600 e 1000 persoas por hora. Un punto de inflexión foi a estratexia de “vacinación en anel”, ideada por William Foege, director do Center for Disease Control (CDC), unha estratexia para inhibir a propagación dunha enfermidade mediante a vacinación de quen ten máis probabilidades de infectarse. O último paciente que se contaxiou de modo natural foi o somalí Ali Maaow Maalin, quen contraeu a infección en 1977.
España sufriu o último brote epidémico de varíola en Madrid, entre o 14 de febreiro e o 5 de marzo de 1961, a partir de dous casos importados da India, que ocasionaron vinte casos de varíola. A revista Sábado Gráfico, de febreiro de 1961, é un claro expoñente do temor que levantaron na poboación de Madrid os casos de varíola importadas da India.
España mantivo a obrigatoriedade da vacinación antivariólica ata 1982, aínda que a súa erradicación mundial a declarou oficialmente, en decembro de 1979, un comité científico independente e foi ratificada na XXXIII Asemblea Mundial da Saúde da OMS do 8 de maio de 1980.