4

Edward Jenner e o descubrimento da vacina

Jenner observou que os muxidores infectados de forma natural co pus das úlceras que aparecían nas ubres das vacas —unha enfermidade que resultaba benigna neste animal (cowpox)— lles producían unhas lixeiras lesións cutáneas que os preservaban da varíola. No libro de Luigi Sacco podemos observar un gravado coloreado á man dunhas ubres infectadas con cowpox.

O 14 de maio de 1796, Jenner toma unha pústula de Sarah Nelmes, unha muxidora infectada con cowpox, e con ela inocula un neno de 8 anos chamado James Phipps. Posteriormente, o 1 de xullo, inocúlalle varíola e comproba que non desenvolve a enfermidade. Nese momento, ningún organismo quixo custear a edición dos resultados da súa experimentación e, en 1798, o propio Jenner asume o custo da súa propia publicación: An Inquiry into the Causes and Effects of the Variolae Vaccinae. Ao cowpox denominouno varíola da vaca (vacciniae). O termo “vacinación” comeza a utilizarse en 1800. Posteriormente, en 1881, Louis Pasteur emprégao de forma xenérica para todo tipo de vacina.

Na vitrina, podemos contemplar diversas edicións da obra de Jenner publicadas en Londres, Francia, América do Norte, Italia; entre elas, a singular tradución realizada ao latín por Aloysio Careno, a lingua científica neste momento, publicada en 1799, un ano despois da publicación da de Londres. Esta edición é a que coñeceu Carlos IV, e foi o punto de partida para organizar a Real Expedición Filantrópica da Vacina.

Na vitrina, podemos ver o único gravado realizado en España en vida de Jenner polo artista López Enguidanos en 1802; a medalla de bronce, de 1810, feita polo Goberno prusiano e dedicada ao descubrimento de Jenner, e un diploma orixinal da Royal Jennerian Society do ano 1837. O diploma mostra un grande arco triunfal rematado pola coroa real e sostido polo león e o unicornio. Jenner está representado neste diploma como unha estatua sobre un pedestal, cun baixorrelevo que representa unha vaca cunha leiteira que lles entrega unha cunca de leite a uns nenos. Jenner ten nas mans unha serpe morta —símbolo da enfermidade da varíola— a quen lle pisa a cabeza co pé dereito. Tamén podemos contemplar un prato de Digoin Sarreguemines, realizado a finais do século XIX e coñecido como “prato parlante”, cunha ilustración de Jenner vacinando.

A Academia Nacional de Medicina de España, o 25 de marzo de 1923, para conmemorar o centenario da morte de Eduardo Jenner, realizou un acto no que participaron coñecidos médicos daquel momento, entre eles Gregorio Marañón. Na cuberta do libro, pódese ver unha representación da medalla de bronce conmemorativa do descubrimento. Amosamos a medalla orixinal, do ano 1835, na que Asclepio, de pé, coa man apoiada nun bastón cunha serpe entrelazada e flanqueado por unha vaca á esquerda e unha lanceta cun frasco para inxectables de vacina á dereita, coloca o seu brazo ao redor dunha Venus púdica, alegoría de protección.

Díptico do Museo