Co descubrimento da vacina, xorde a oposición a este novo método que, ao longo do século XIX, deu orixe a un amplo movemento, fundamentalmente nos países anglosaxóns. Os movementos antivacinas, entendidos como principios orientados a disuadir da vacinación, xorden no mesmo momento en que empeza a aplicarse a vacina contra a varíola. Sen dúbida, a caricatura que mellor ilustra esta oposición é o gravado de 1802, de James Gillray, Los maravillosos efectos de la nueva inoculación, que é unha parodia dun centro de vacinación. Se observamos detidamente o gravado, á esquerda vemos un grupo de traballadores humildes que fan cola para entrar. No centro, pódese observar unha muller sentada nunha cadeira de brazos, con cara de medo e, á súa beira, está o médico que sostén o antebrazo da muller mentres lle realiza a escarificación cunha lanceta. A carón, hai un neno deforme que sostén un cubo coa inscrición “vacina quente de vaca” e, na bolsa do saco, un folleto co título “Beneficios do método da vacinación”. Ao redor destes personaxes, atópanse algunhas persoas xa vacinadas que mostran os efectos secundarios da vacina, e así pódese ver como das diferentes partes dos seus corpos e orificios naturais saen e brincan pequenas vacas. Tamén se observa como a unha muller lle sae da boca unha vaca, mentres que na parte posterior hai un home con cara de desesperación ao ver os cornos que lle están crecendo na fronte. Xunto á porta, un asistente con xesto despectivo administra cun gran cullerón o contido dun recipiente que está sobre unha mesa, na que se poden ver xiringas e botellas. Na parede hai un cadro que, con sutil ironía, mostra un tenreiro de ouro e, ao redor del, aparece o pobo axeonllado, adorándoo, co que se establece unha relación entre o episodio bíblico da idolatría do becerro de ouro e os defensores da vacina. É dicir, acúsanse os partidarios da vacina de estaren a adorar un ídolo, unha falsa verdade, con certa dose de fanatismo.
Podemos ver outra augaforte orixinal, de 1801, coloreada á man, de Argaud Barges, na que unha vaca arremete contra un burro vestido con traxe académico, que reflicte a polémica dos partidarios da vacina e a oposición da universidade.
A Lei de vacinación de 1853 converte en obrigatoria a vacina en Inglaterra, o que motivou unha forte oposición, sobre todo na clase traballadora. A polémica foi o debate entre a liberdade individual e os partidarios da defensa da saúde pública, que defendían a vacinación obrigatoria. Esta oposición esténdese por moitos países do mundo. En Canadá, unha epidemia de varíola desencadeada na cidade de Montreal en 1885 ocasionou unha forte oposición por parte da poboación francófona, como podemos observar no gravado. O gravado do xornal inglés Punch, de 1898, Triunfo de la desintegración de Jenner-Ation, mostraba a súa oposición contra a vacinación obrigatoria da varíola. Foron varios os libros que se publicaron contra a vacina, como o de Diego Ruiz, Vacunar es asasinar. Dejarse vacunar, suicidarse, ou o Boletín de la Liga Latino Americana pro Libertad de Vacunación, de 1915, editado no Uruguai.