5

A súa difusión en España. Ruíz de Luzuriaga

A primeira noticia que se coñece en España foi publicada en 1799 no Semanario de Agricultura y Artes dirigido a los Párrocos, unha revista ilustrada que recompilaba novidades científicas, de agricultura, industria etc. Un dos primeiros manuais de vacinación publícase en 1801: Breve instrucción sobre la vacuna, medios de comunicarla y observaciones de sus efectos, que é a tradución dunha obra publicada en París arredor de 1799 por unha Xunta de Médicos que propagaban a vacina. Este manual podémolo contemplar na vitrina, xunto ao de Pedro Hernández, Origen y descubrimiento de la vaccina, editado en Madrid en 1801, que é a tradución dunhas instrucións elaboradas polo médico francés François Chaussier. A obra de Hernández reproduce as ilustracións francesas que na edición española son obra do gravador Eduardo Fonseca. Este libro tivo unha importante difusión en países de América Latina e reeditouse en México, Lima, A Habana e Colombia.

Un dos primeiros tratados que se escriben sobre a vacina publícao en Francia en 1801 Moreau de la Sharte e, en 1803, tradúceo ao español Francisco Xavier Balmis, director da Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1813), co título Tratado histórico y práctico de la vacuna, do que levará numerosos exemplares para a súa difusión nos territorios de ultramar e Filipinas. A portada é moi simbólica, onde se mostra a Jenner e, ao fondo, unhas vacas, como símbolo da vacina.

En España, o maior difusor da vacina foi o médico ilustrado Ignacio Ruiz de Luzuriaga, que redactou en 1801 o Informe imparcial sobre el preservativo de viruelas, onde estableceu os criterios de vacinación. Convén salientar que desempeñou un importante papel catalizador, xa que difundiu a vacina entre os médicos de toda España e, ademais, facilitóullela.

O 16 de agosto de 1801, Posse Roybanes, médico do concello coruñés, iniciou a vacinación en Galicia co seu neto de cinco meses. Pouco tempo despois, Eusebio Bueno introdúcea en Santiago de Compostela e, no ano 1802, no mosteiro beneditino de Celanova (Ourense), foi o relixioso cirurxián Alejandro Bermeo quen comezou coa vacinación.

Díptico do Museo